Escoite e verá! Crónicas dun filósofo tabernario 3
- Autor: Manoel da Costa Pardo
- Género: Literatura y Novela
- ISBN: 978-84-126834-5-5
- Nº Páginas: 316
- Encuadernación: Tapa blanda
- Año: 2023
Bouzas, época actual. Unha taberna nunha das canellas da vila: «a do Mincha». Unha baiuca que recende a polbo á feira e viño de Monterrei. Xente debruzada no mostrador e outra pouca sentada nalgunha das mesas do local, brunidas pola eficaz man da Sefa. Nunha destas mesas, don Paio, o «Mirequelledigo» e o seu amanuense don Manoel degustan viño e o petisco do día, adobiado por unha das fermosas historias con moita filosofía vital tabernaria e deducións abertas en forma de copla ás que nos teñen afeitos das dúas entregas anteriores das «Crónicas dun filósofo tabernario». Se consideramos as andainas do Tiniño o Averomar como a cerna da primeira entrega destas Crónicas e os amores e desamores da Sefa o da segunda, podemos afirmar que son as historias do barrio da Estación de dona Lola, a muller de don Manoel, a parte senlleira desta terceira. Sen esquecer os episodios da batalla de Vigo e as funestas consecuencias da derrota dos que tiñan a forza da razón pero non a razón da forza, os contos de Xinzo de Limia, o verdadeiro significado dalgunhas tradicións, Homero e a «numeroloxía», a invasión da modernidade, os discapacitados morais e a posibilidade de redención. E moito da muller, das mulleres, das mulleres de acotío, das mulleres que traballan arreo mentres os seus homes descansan dos atafegos do día á sombra dunha «figueira de Bengala».