Déixame a lúa acesa
- Autor: Anxo Boán Rodríguez
- Género: Poesía
- ISBN: 978-84-17715-41-0
- Nº Páginas: 100
- Encuadernación: Tapa blanda
- Año: 2018
Escrito en Galego. Un libro con poesías de amor e para namorar. A historia da literatura está chea de musas que inspiraron os grandes poetas, que sufriron e amaron a un tempo a quen era a inspiración dos seus escritos. Velaí están a Beatriz de Dante, a Laura de Petrarca, a Isabel de Garcilaso, a Marta de Lope de Vega ou a Guiomar de Machado. Porén esta musa de Anxo Boán posúe características especiais que fan única. Chámase Suevia, é galega e unha homenaxe ao reino dos suevos, o primeiro reino europeo da Idade Contemporánea, a ela está dedicado o derradeiro soneto deste poemario. A través dela, o poeta realiza un exercicio de amor á súa fala, á súa lingua, á historia dun pono oprimido. Es ti a miña deusa máis desexada, e serás sempre a voz deste poeta, a voz da nosa lingua macelada. É, en realidade, coma unha declaración de amor á historia da Galiza. Amor e compromiso cunha terra, cun país e cos seus antergos. Na que hai que incluír a súa literatura, a Pondal, en concreto, pois foi súa a voz que resucitou Suevia do mar de esquezo en que a tiña soterrada unha historia contada por voces alleas. Este é o contexto final en que hai que ler Déixame a lúa acesa... pero o libro de Anxo Boán é moito máis que o derradeiro poema, que o derradeiro soneto. Para comezar, ábreo outro soneto onde o autor dedica o libro, e que tampouco debe pasar por alto tanto polo que ten de inclusión como polo que ten de exclusión. Así exclúe aos duros e falsos e dedícallo aos que amosan o seu ser con valentía, a quen sabe compartir, a quen sente, sofre, ama e loita. En definitiva: Dedícocho a ti porque queres vivir con amor como punto de partida Sinálase neste soneto o lector implícito, o lector ideal, aquel que vive con amor, aquel que vive o amor. O amor. O tema literario máis universal, que se corresponde co sentimento humano máis nobre, aquel sen o cal só somos formacións de carne baldeira, inútil, estéril. O amor, ese gozo que explica toda unha vida e que neste poemario ocupa a meirande parte dos textos. Un amor idealizado, porque idealiza o ser amado. O ser amado, a amada é unha alma pura, transparente, a quen soña con pedirlle un bico prestado e que o ten absolutamente enfeitizado, até o extremo de sentirse vítima dun conxuro de meiga e sente que, ante tal perfección, mesmo os seus versos poden ser herexía e confésase home iluso, poeta louco. É esta unha concepción do amor moi medievalizante, onde a amada é compendio de todas as virtudes e apenas aparece descrita fisicamente.... Non me namorei pola túa beleza, nin do teu fermoso corpo ben feito ......só recoñece que non sabe cal é o misterio dos teus ollos, sábese inmerecente do seu amor... Eu non merezo de ti, miña diva, a honra de escribirche esta poesía .....e invoca á lúa como confidente. Confidente necesario e foco ou luz de inspiración para o poeta. Es ti quen, cada noite, acende a lúa. E é tamén un amor que é coma un soño. Sen soños non hai realidade. O que redunda na idealización da vida. A vida, para ser fértil e produtiva debe achegarse aos soños do poeta. Pero os soños do poeta, que só é un, ela, a amada, tamén poden rachar. Foise o sol, a noite quedou escura, sen luz nas estrelas, na lúa tampouco Claro que, para ser poeta, hai que ser perseverante e el aínda mantén a ilusión porque lle deixe a lúa acesa e mantense firme no seu canto. Aínda trocando de métrica, abandonando o soneto, a voz poética segue a proclamar o seu amor sen medida. Que nada existe se non se di, que nada existe que non se manifeste e el insiste e insiste prendido dunha cativa esperanza, sen importarlle que diga o mundo, aínda que o macele, aínda que lle doia o único que importa e de verdade doe é a súa ausencia. Así é a primeira parte do poemario, un romanticismo de urxencia, un canto ao Amor con maiúscula, clásico e eterno. Porén Déixame a lúa acesa... contén aínda outras tres partes, aínda que máis frutífera é a primeira, que vimos de comentar. Na segunda parte abandónase o soneto, poema poliestrófico que aparece vinculado ao amor, á lúa, á amada e que xa no final da primeira parte tendía a desaparecer. A voz poética non deixa de estar namorada, pero agora é un namorado solitario, na procura doutras compañas, almas feridas que procuran na lúa e nas estrelas refuxio, acollida, até que atopa novo confidente no grilo. O grilo. Ese animal humilde e cantareiro. Compañeiro que lle axuda a tematizar o despoboamento do rural galego. A nosa aldea queda soa e xa non ten mocidade O namorado é un ser perdido na soidade dun mundo que se derruba, que xa non é o que fora. Un grilo é testemuña e compañeiro de saudades, de soidades e da lembranza da vendima, a vendima do heroísmo estoico. E é un vagabundo sen máis roupa cá posta / sen cidade e sen patria, que ten tempo para lembrar a perda amiga dun fillo querido. Rematando cunha invocación á lúa, dama pálida. Na terceira parte recupérase o soneto, son sonetos á amizade acompañados doutros a acontecementos do primeiro semestre de 2018, como o Día Internacional da Muller, a Feira do Viño de Chantada, un incendio no despacho do poeta ou o Día das Letras Galegas... O día a día. O manto do decorrer, que o mundo non se detén. Non hai confidente nestes poemas, aínda que no terceto introdutorio o poeta acende a lúa. A cuarta parte contén unicamente o soneto á súa musa. É un poeta que non refuga as complexidades aínda que o que voz poética necesita para ser feliz sexa algo moi sinxelo. Como se pode comprobar no “Soneto sinóptico introdutorio”, un soneto dá unidade ao libro recollendo as catro partes nas que se estrutura. Así, despois, cada parte vai encabezada por unha estrofa do soneto, sendo esta a meirande complexidade que presenta o libro, un libro concibido como unha unidade discursiva dotada de variedade métrica que á súa vez presenta tamén variedade temática. Unha variedade temática que ten na naturalidade o seu fío condutor. O poeta necesita a lúa acesa, ou o canto dun grilo, como compañeiros ou faro iluminador. Máis nada. Todo natural. Entréganos así un poemario de expresividade limpa, clásica nos días que corren, que recupera a métrica e a rima e, sobre todo, o fulgor do sentimento como motor da vida. Unha poesía pura e pouco retórica a pesar de todo. Lírica, que fala co corazón na man, ou nos versos, unha vibración da alma, unha reacción do espírito. Unha maneira de vivir, de vivir e coñecer, de coñecer e amosarse, amosarse ante os demais, compartirse, revelarse. A poesía de Déixame a lúa acesa... é revelación, unha delicadeza da alma que agroma no verso. “A primeira tarefa do poeta é desancorar en nós unha materia que quere soñar” (Gaston Bachelard)